Intervención de Nuria, moza de 23 anos, no LGx15 2017.
Nuria P. Espasandín é das poucas persoas galegofalantes do seu contorno diario. "¿Quién? ¿La que habla gallego?"
"Non me malinterpretedes, non son discriminada nin moito menos por falar a miña lingua porque ¡claro! ¡Son da aldea! ¡A nena é da Costa da Morte! ¡É normal! Normal si, pero triste tamén. É incrible a necesidade que ten a xente de explicarse por que unha persoa fala galego en Galicia. De buscarlle o sentido. E máis triste é ver que teñen razón.
Na miña clase somos un puñado de xente os que empregamos esta lingua cos nosos compañeiros, cifra que se ve reducida á metade cando se trata de subir á tarima e facer unha exposición en público. Os profesores que a falan non chegan nin a puñado. ¡Nunha universidade pública galega que se di orgullosa da súa lingua! Sinceramente, este é un dos recunchos onde peor a tratan.
Escoitei, sentada na miña cadeira, como me explicaban o Estatuto de Autonomía e me lían cada un dos seus artigos en castelán. Tamén como se comentaban as leis do Parlamento Galego (con i latino, iso si, non nos esquezamos do protocolo e do orgullosos que estamos do galego ¡que non se nos esqueza escribir o título en galego!).
Lingua de títulos, por lei. Con i latino.
Vin dende esa mesma cadeira como unha compañeira facía unha defensa tremenda do galego alegando cantos artigos existen que o defenden e o promoven. En castelán.
Hoxe estou escribindo isto para falar do futuro da miña lingua e, atreveríame a dicir que tamén o da miña cultura, o da miña Nación.
O futuro está no uso, na normalización. Non no protocolo nin nos museos.
O futuro está na casa e no día a día. Está no crer, está no sentir.
É o costume o que marca o Dereito, ¡acostumemos as leis a falar galego!
O futuro está en falar galego en todos e cada un dos contextos nos que nos vexamos. O futuro está en darlle o prestixio que antano tivo esta lingua. En non buscar que se recoñeza, en crelo nós mesmos. O futuro está en empregalo."
Nuria Espasandín, unha rapaza de 23 anos de Vimianzo, que estuda actualmente Dereito na Universidade da Coruña, despois de de que comezara a carreira en Santiago de Compostela.
Tamén atopou tempo neste camiño para tomarse un ano sabático cando non soubo atopar o rumbo e ir traballar a terras inglesas. Decisión que a levou a patear máis dunha ducia de países do globo e vicio que ocupa gran parte do seu tempo: viaxar, en todos os sentidos e extensións da palabra.
Escribe tamén por puro deleite aínda que comparte algún que outro texto na rede, onde tamén deixa caer os seus pensamentos en forma audiovisual. Ente último pasatempo foi o que a levou a ser finalista de #youtubeiras e #youtubeiros (youtubeiras.gal/) en 2017 co seguinte vídeo: • ESQUEZAMOS O SOPORTE
Canle de KZitem de Nuria: / nuria p. espasandín
---
#LGx15. Ideas para o futuro da lingua | www.lgx15.gal | Sala Capitol | Santiago de Compostela | 9 de novembro de 2017 | Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) | www.ctnl.gal
Негізгі бет Тәжірибелік нұсқаулар және стиль A lingua non é unha peza de museo | Nuria P. Espasandín | LGx15
Пікірлер: 107